Como aproveitar as sobras das patacas cocidas?

Un dos primeiros trucos de aproveitamento que aprendín, sendo ben pequena, foi o de aproveitar as patacas cocidas do mediodía para facer unhas patacas fritidas pola noite. Máis unha vez, obtemos algo moi saboroso dunha cousa tan simple como unha pataca cocida. ⁣

Na miña infancia, estas patacas fritidas ían sempre acompañadas dun ovo con puntilla. E para min, esta elaboración era mellor que calquera prato de marisco. Era un menú que recendía a fogar. Este é o tipo de recordos que, cada vez que o lembro, volvo notar o sabor.

Se vos atrae a idea, mais preferides unha opción máis saudábel, sempre podedes facer as patacas no forno e trocar o ovo fritido por un escalfado. Estará igual de bo!

Como aproveitar as codias do queixo?

Hoxe tráiovos un truco para potenciar o sabor dos vosos pratos, sobre todo o dos guisos e estufados. Como fanática da cociña de aproveitamento, sempre estou a buscar novos usos para as sobras ou aquelas partes dos alimentos que, de primeiras, parecen estar abocados a acabaren no lixo.

Neste caso quería compartir convosco as incríbeis propiedades do parmesano e o pecorino como potenciadores do sabor. Estes queixos italianos (cheos de umami) teñen un toque especial que enxalza o sabor de calquera prato (risotto, pasta, carne…), mais sempre acabamos por estragar as codias ao pensarmos que non valen para nada. Este erro, malia ser moi común, é doado de solucionar. So tedes que ir gardando estes anacos no frigorífico e empregalos para incrementar o sabor das vosas elaboracións.

Agora estaredes a pensar: “mais iso cómese?”. Pois, como sempre, vai no gusto de cada un. Hai quen os retira á fin do cociñado (as veces até desaparece por si só) e quen os deixa como un elemento máis do prato. Persoalmente, direi que non sabe nada mal. Ten unha textura algo xelatinosa ao amolecer durante a cocción, mais en cuestión de gusto non ten dúbida.

Afóutovos a que lle deades unha oportunidade, xa veredes que non vos arrepentides!

Po de cítricos

Como xa comentei nalgunha ocasión, detesto estragar ou desbotar produtos (especialmente na cociña) sen antes lles buscar a posibilidade dunha segunda vida útil. Neste caso, ensinareivos que facer coas codias dos cítricos. ⁣

Xeralmente, os cítricos empréganse en cociña para obter o seu zume ou, como moito, raspar un pouquichiño da peleca para dar sabor nun biscoito ou nalgún prato. Pois ben, grazas a Nadiya Hussain (@nadiyakhussain) aprendín que coas mondas pódense conseguir unhas escamas (ou po) súper saborosas para engadir aos nosos pratos. Deste xeito, desbotaremos unha ínfima parte da froita ou mesmo nada se facemos compostaxe. ⁣

O proceso é ben sinxelo: ⁣

– Quitar a peleca cun pelador. Facédeo con tino para non levar tamén a tona, o que lle daría un toque amargo un tanto desagradábel. ⁣

– Poñer as pelecas ao sol até que estean ben secas. ⁣

– Triturar nun muiño do café ou procesador de alimentos. ⁣

– Gardar nun lugar seco.