Dónut XXL

Bo día! Acordádesvos dos dónuts que fixemos hai unhas semanas? Pois cando a cantidade de masa sexa máis do que precisamos, non é necesario facer todos los dónuts dun chimpo. Por sorte, este tipo de masa conxela perfectamente, polo que podedes deixala no conxelador até que a volvades necesitar. Neste caso, eu tiña sobrantes como para facer media ducia de roscas, mais decidín non gastar moito tempo e facer unha XXL, como se fose un queique.

Para a cobertura, no canto de pasar polo traballo de fundir chocolate, vernicei a superficie con crema de cacao (antes de que arrefriase por completo). Alén diso, para rematar cun toque cítrico, empoei a rosca coa mestura de laranxa e limón caseiro que vos ensinei a facer hai uns días.

Iso é todo! En menos de 30 minutos xa temos resolto un almorzo especial ou o acompañamento para o café se temos visita (e se non, tamén!).

Dónuts con glaseado de chocolate

Os dónuts teñen case tantos nomes como coberturas. Malia que dónut é o nome máis comercial, estes boliños tamén son alcumados como donas, berlinas, roscas ou picaróns.

As súas orixes, aínda que non o pareza, son ben antigas. Segundo o Smithsonian Magazine, os dónuts que coñecemos (e devoramos) hoxe día, proveñen dos olykoeks, uns doces típicos da cociña holandesa. Estes boliños de aceite que os colonos holandeses levaron a Manhattan aló polo 1624 fóronse modificando, xa en chan estadounidense, até se converter nas roscas glaseadas ou cubertas de mil sabores que hoxe coñecemos.

Canto á creación orixinal olykoeks, hoxe día aínda non está moi clara. Por unha banda, hai quen afirma que foros os xudeos sefardís de Portugal os que no século XV introduciron este doce típico do Hanukkah, nos Paises Baixos. Por outra banda, diversas voces indican que foros as tribos xermánicas as que deron vida aos olykoeks para seren degustados nas celebracións do Jól, durante o solsticio de inverno. De todos os xeitos, sexa quen for o verdadeiro creador desta lambetada, o que si queda claro é que a presencia destes doces nos receitarios de medio mundo, vén de lonxe.

Ingredientes da masa:

500 g. fariña de forza.

80 g. azucre.

250 ml. leite gordo.

15 g. lévedo fresco.

1 chisco de sal.

1 ovo batido.

50 g. manteiga.

5 ml. extracto de vainilla ou as sementes dunha vaíña.

Ingredientes do glaseado:

50 g. chocolate para fundir.

20 g. de manteiga.

120 g. azucre glas.

Primero de todo, é preciso facer un prefermento (unha especie de masa nai, por así dicilo), que axude ao proceso de levedado da masa.

Pasos para facer o Prefermento:

  • Disolver o lévedo fresco nun chorro de leite a temperatura ambiente.
  • Incorporar 3 culleradas de fariña na mestura de leite e lévedo até que teña textura de masa.
Deixar repousar 15 minutos

Pasos para facer a masa dos dónuts:

  • Mesturar a fariña, o azucre e o sal nun recipiente amplo que nos permita traballar a masa, se imos amasar a man. Se, pola contra, imos empregar un robot, podemos botar os ingredientes directamente no vaso de amasado.
  • Engadir  o leite aos poucos, segundo o vaiamos incorporando á masa.
  • De traballarmos con robot, este será o momento de poñer o gancho amasador (sempre velocidade media) e engadir o ovo batido.
  • Engadir o prefermento ao conxunto e seguir amasando.
  • Unha vez a masa estea ben formada e xa non manche o recipiente de amasado (ou o vaso do robot) engadiremos a vainilla.
  • Cando a vainilla xa estea incorporada á masa, engadiremos a manteiga en dous tempos: primeiro unha metade e, cando xa non quede rastro dela, a outra metade.
  • Cando vexamos que a masa xa non pega nin mancha, xa estaría lista para repousar.
Deixar repousar 90 minutos

Pasos para formar os dónuts:

  • Estirar a masa cun rodete (espesor de 1,5 cm aprox.).
  • Dar forma aos dónuts cun molde redondo ou, se non temos molde, con calquera recipiente redondo ou cortador de pasta que teñamos na casa.
  • Para facer os buratos interiores, de non termos molde, podemos empregar o bico dunha botella estreita.
Deixar repousar 45 minutos

Pasos para fritir os dónuts:

  • Poñer aceite en abundancia nun cazo a lume medio/alto.
  • Deixar cada dónut, aproximadamente, de 1 a 2 minutos por cada lado (dependendo sempre da potencia da cociña).

Pasos para facer o glaseado:

  • Fundir o chocolate coa manteiga a baño maría.
  • En canto o chocolate estea listo, incorporaremos o azucre e mesturaremos ben até que estea totalmente incorporado.
NOTA: Cómpre que non deixemos arrefriar os dónuts antes de glasear. Unha vez os quitemos do lume, o ótimo sería deixalos escoar un pouco nunha grella e, seguidamente, pasalos pola glasa. Unha vez glaseados, volvémolos deixar na grella para que a glasa endureza.