Fricolada de bocartes

Esta semana tráiovos unha receita que non fago moi a miudo mais que, de cando en cando, entra no menú para nos dar o gusto: fricolada de bocartes. Polo xeral sempre preparo o peixe ao forno ou á prancha, emporiso, ás veces hai que facer algo de trampa e botar man da tixola.

Para esta receita, no canto de empregar pan relado, fago sempre unha mestura de fariña de garavanzo e polenta para que os bocartes queden ben crocantes e pouco graxos. 

Ingredientes:
  • 1 kg. Bocartes en filetes.
  • 100 g. Fariña de garavanzo.
  • 50 g. Polenta.
  • Sal.
  • Aceite de oliva.
  • 1 limón.
Pasos a seguir:
  • Limpar e filetear ben os bocartes. Se non sodes quen de facer este traballo, preguntade na peixaría.
  • Quentar unha tixola a lume medio/alto con aceite de oliva. 
  • Pasar os bocartes pola mestura de fariña de garavanzo e polenta. 
  • Cando o aceite estea ben quente (mais sen chegar a fumegar) introducir os bocartes e deixar frixir 1 ou 2 minutos (máximo).
  • Servir cun limón en rebandas e espremer por riba.  
Opcións: Podedes acompañar os bocartes dunha boa ensalada ou duns pementos de Padrón, por exemplo. Ás veces, tamén acompaño este prato cunha salsa de iogur e mostaza no canto do limón.

Bocartes en vinagre

Hoxe tráiovos a receita dun petisco extraordinariamente simple e delicioso: Bocartes en vinagre. Neste caso, estou a compartir convosco un anaco da sabedoría culinaria familiar xa que a receita é a que meu pai (o experto mariñeiro da casa) emprega sempre que prepara bocartes na casa.

Ingredientes:
  • 1 kg. Bocartes.
  • 1 vaso de vinagre de viño.
  • 2 vasos de auga.
  • 1 presa de sal gordo.
  • 2 dentes de allo grandes.
  • 1 presa de pirixel.
  • AOVE
Pasos a seguir:
  • Limpa coidadosamente os bocartes para separar os dous filetes sen rompelos. Se non tes moito tino limpando peixe, pide que cho limpen la peixaría.
  • Coloca cada filete en liña e facendo capas nun recipiente con tapa.
  • Bota o sal, o vinagre e a auga e deixa que macere durante 4h.
  • Pasado este tempo, quita o peixe do líquido e pásao por auga para quitar o exceso de vinagre e sal.
  • Despois de escorrelo, colócao de novo nun  recipiente con tapa xunto con capas de pirixel e allo laminado e cubre con AOVE.
  • Deixa que repouse no frigorífico durante un mínimo de 5 días para que colla todo o sabor posíbel.
  • Pódelos servir en ensalada, en tostas ou como petisco acompañado dun bo pan.
Notas:

Nota 1: É importante conxelar os bocartes durante 5 días antes de preparar esta receita para evitar intoxicacións por anisakis.

Nota 2: Lembra quitalos do frigorífico polo menos unha hora antes de consumir para que o AOVE (que estará completamente solidificado) torne líquido de novo.