Quen son?

Boas!

Son Noemí, as mans e os miolos detrás de Recendo.

Aínda que son filóloga — de formación— e tradutora — de profesión— a cociña sempre ocupou un lugar moi especial no decurso da miña vida.

Crecín enredando ao abeiro das cociñas das matriarcas da miña casa. Sobre todo a cociña da miña avoa Carmiña, muller batalladora e aquelada que —coas súas eternas tixolas de ferro e catro patacóns— era quen de orquestrar xantares sinxelamente inesquecibles.

O recendo desas cociñas é unha lembranza que vai sempre comigo. Por iso —despois de moitos anos de indecisión— resolvín darlle forma a esta bitácora; nube onde xuntar a tradición das ensinanzas pegadas na memoria cos trazos multiculturais que fun apañando polo camiño.

Acompañádesme?