Cogombros envinagrados e vinagre de cúrcuma

Hoxe toca receita dobre. Mais non vos preocupedes, que iso non quere dicir que haxa que facer o dobre de traballo. Neste caso, máis ben sería unha receita de dous por un, xa que imos conseguir uns cogombros envinagrados e un vinagre de cúrcuma en menos de 15 minutos. Os cogombros envinagrados son un produto moi versátil, posto que podemos empregalos tanto en ensaladas como de topping nunha hamburguesa, nun sándwich ou onde se vos ocorra!

Ingredientes para os cogombros envinagrados:
  • 6 cogombros.
  • 480 ml. de vinagre de mazá.
  • 400 g. de azucre.
  • 60 ml. auga.
  • 20 g. sementes de mostaza.
  • 15 g. de cúrcuma.
Pasos a seguir:
  • Cortar os cogombros en láminas (se tedes unha mandolina, mellor).
  • Poñer nun cazo o vinagre, o azucre, a auga, a cúrcuma e as sementes de mostaza.
  • Mesturar ben até que o azucre quede totalmente incorporado.
  • Deixar a lume medio/baixo até que comece a burbullar polos extremos, mais sen deixar ferver. Nese intre incorporaremos os cogombros, taparemos o cazo e apagaremos o lume.
  • Deixar infusionar durante 10 minutos.
  • Pasados os 10 minutos, introduciremos os cogombros en tarros de cristal (previamente desinfectados) e cubriremos con líquido case até o borde.
  • Unha vez envasados os cogombros, poremos os tarros nunha pota con auga fervendo durante 20 minutos para que os tarros pechen ao baleiro; así manteremos as nosas conservas durante máis tempo.
  • Despois dos 20 minutos fervendo, retiraremos os tarros do lume e deixarémolos arrefriar. Durante este proceso escoitaremos un clic. Ese será o sinal de que o baleiro se fixo correctamente.
Vinagre de cúrcuma:
Non se vos ocorra tirar o líquido sobrante de facer as conservas de cogombro! É un vinagre marabilloso para engadir ás vosas ensaladas.  
Filtrade o vinagre cun coadoiro para eliminar as sementes de mostaza e envasádeo en botellas ou tarros de cristal. No frigorífico aguanta unha morea de tempo.