Pizza con biga

A pizza é un prato moi agradecido xa que podemos ter unha masa preparada en cuestión dunhas horas (sempre e cando empreguedes lévedo seco). Se pola contra, tedes a paciencia suficiente para agardar pola vosa masa, eu aconsello sempre optar polo lévedo natural (sourdough) ou por prefermentos como a biga. O proceso será máis longo, si, ora que o sabor e a textura serán infinitamente mellores.

Ingredientes
  • 300 biga.
  • 500 gramos de fariña de forza.
  • 10 ml. AOVE.
  • 10 g. sal.
  • 260 ml. auga tépeda.
  • 3 g. de lévedo seco para panadaría.
Pasos a seguir
  • Diluir o lévedo seco na auga.
  • Mesturar a biga coa fariña, AOVE, sal e incorporar a auga.
  • Se o amasado se fai manualmente, será preciso facelo coas mans húmidas para que non quede a masa pegada nelas. Primeiro, incorporaránse todos os ingredientes facendo movementos circulares. Unha vez a masa vaia collendo forma, xa se poderá traballar seguindo a técnica de amasado preferida de cada quen. Se pola contra, se emprega un robot de cociña, haberá que facer o amasado incorporando o gancho. Deixaremos que amase durante uns 10 minutos ao 2 (ou até que a masa quede envolta no gancho e xa non manche o recipiente). Se ao tocar a masa, non está pegañenta, é que xa está lista.
  • Quitar a masa do recipiente e facer unha bola con ela. Engraxar un recipiente de cristal coa suficiente capacidade para que a masa poida duplicar o seu tamaño sen se desbordar. Tapar con film de cociña ou cun gorro de ducha e deixar repousar no frigorífico durante 24h.
  • Pasadas as 24 horas, quitar a masa do frigorífico e dividir en boliños. Se a idea é facer 2 pizzas grandes e coa masa grosa, será preciso dividir a masa en 2 porcións. Se pola contra, a idea é facer pizzas estilo napolitano, esta cantidade de masa dará para 4 pizzas.
  • Unha vez creados os boliños, o ideal é deixalos repousar, nunha superficie enfariñada, tapados cun pano, alomenos 2 horas.
  • Pasado o tempo de repouso, quentar o forno a 250 graos centígrados (con ventilador).
  • Formar as pizzas e acompañar cos ingredientes desexados.
  • Enfornar uns 8 minutos ou até ver que a masa está dourada e crocante.
NOTA: Os tempos de amasado e enfornado dependerán sempre do tipo de farina e da potencia do forno empregados.