Canelóns recheos de pescada rosada e coliflor

Nestas datas o cociñar, mais sobre todo o comer, váisenos un pouco das mans. É por isto que sempre acabamos con cantidades inxentes de sobras no frigorífico. Como xa sabedes, nesta casa non se estraga nada así que, máis unha vez, toca darlle unha volta aos miolos e inventar novas receitas. 

Neste caso, ideei uns canelóns recheos de pescada rosada  e coliflor. Espero que vos guste!

Ingredientes:
  • 400 g. de coliflor (aproveitaremos tamén as follas se as temos).
  • 300 g. de pescada (rosada, do pincho… a que máis vos guste).
  • 30 ml. de caldo de peixe.
  • 100 ml. tomate natural triturado.
  • 10 láminas de lasaña fresca.
  • 25 g. de queixo San Simón afumado.
Pasos a seguir:
  • Relar a coliflor cun relador.
  • Cortar as follas da coliflor en anaquiños cunha tesoira e escaldar en auga fervendo durante 3 minutos.
  • Desfacer os touros de pescada e mesturalos coa coliflor.
  • Poñer unha tixola ao lume cun fío de AOVE a lume medio. Engadir a mestura de coliflor e pescada e saltear durante uns minutos. A continuación, engadir o caldo de peixe e 50 ml de tomate natural triturado. 
  • Baixar o lume a medio/baixo. Deixar que a mestura se cociñe durante uns 8 minutos ou até que se consuma o líquido.
  • Quencer o forno a 180 graos centígrados.
  • Coller unha lámina de lasaña e poñer dúas culleradas da mestura a 2 cm do extremo. A continuación, enrolar a masa até conseguir un canelón. Facer este paso con todas as láminas de lasaña.
  • Poñer 3 culleradas de tomate natural cubrindo o fondo da bandexa na que enfornaremos os canelóns. Despois, colocar os canelóns uns ao lado do outros até completar a bandexa.
  • Cubrir a superficie dos canelóns co tomate e a mestura de coliflor e pescada restantes.
  • Relar o queixo San Simón por riba para darlle un toque afumado ao prato. 
  • Enfornar 15 minutos a 180 graos.
  • Deixar repousar 15 minutos antes de servir.

Deixar un comentario