Redondo de tenreira con mollo cinco especias e patacas enfornadas.

Hoxe tráiovos redondo de tenreira con mollo 5 especias chinesas e patacas enfornadas. Unha receita ben completa que, aínda que parece moi laboriosa, realmente é o forno quen fai case todo o traballo duro.

En canto ás patacas, a receita é unha adaptación da receita dun dos meus animais espirituais da cociña, o cociñeiro británico Jamie Oliver.

As especias que compoñen este combo chinés son a canela, anís estrelado, pementa de Sichuán, sementes de fiúncho e cravo. Unha combinación que, con moi pouca cantidade, consegue unha explosión de sabor abraiante.

Redondo de tenreira
Ingredientes
  • 1 kg. Redondo de tenreira.
  • 1 cebola.
  • 2 cenouras.
  • Sal.
  • AOVE.
  • 1 cullerada de sobremesa de 5 especias chinesas.
  • 100 ml. viño branco.
  • 2 follas de loureiro.
  • 250 ml. caldo de verduras.
Pasos a seguir para asar o redondo de tenreira
  • Selar a carne nunha tixola durante uns minutos por cada lado até que quede completamente dourada por fora.
  • Cortar a cebola en oitavos e as cenorias en touros. A continuación, condimentar coas 5 especias chinesas, un chisco de sal e un fío de AOVE. Remover ben e facer con elas unha cama para o redondo nunha bandexa de forno.
  • Colocar o redondo sobre a cama de cebola e cenorias e regar con 100 ml. de viño branco.
  • Introducir as 2 follas de loureiro na bandexa e enfornar a 180 graos centígrados durante 40 minutos.
  • Deixar repousar a carne un mínimo de 20 minutos despois do enfornado antes de cortar.
  • Recuperar a prebe da carne e as verduras da bandexa do forno, botalas nun recipiente con 250 ml. de caldo de verduras e bater até conseguir un mollo  homoxéneo.
  • Poñer o mollo ao lume (medio/baixo) para que reduza lixeiramente.
  • Cortar o redondo en rodelas xusto antes de servir e cubrir cunha cullerada do mollo.
Patacas ao forno (estilo Jamie Oliver)
  • 8 patacas de asar.
  • 3 culleradas de AOVE.
  • Sal.
  • Tomiño.
  • Romeu.
  • Ourego.
  • 30 ml. vinagre de viño tinto.
  • 4 dentes de allo.
Pasos a seguir
  • Cocer as patacas uns 15 minutos ou até que comecen a cuartear lixeiramente.
  • Escorrer as patacas e colocalas nunha bandexa de forno.
  • Condimentar con Sal, tomiño, romeu, ourego e 3 culleradas de AOVE.
  • Engadir 4 dentes de allo con pel esmagados coa palma da man ou co coitelo.
  • Adicionalmente, pódense regar con 30 ml. de vinagre de viño tinto.
  • Enfornar durante 45 minutos a 180 graos centígrados. Pasado ese tempo, esmagaremos lixeiramente as patacas para que se abran e queden aínda máis crocantes.
  • Enfornar de novo durante 15 minutos adicionais.

Deixar un comentario