Costelar de porco con mollo barbacoa

Un dos pratos estrela dentro da Comfort Food americana é, sen dúbida algunha, a costela de porco con mollo barbacoa. Aínda que o churrasco segue a ser o noso neno bonito, unha vez remata o estío, saír a acender a barbacoa da un pouco de preguiza. Nesas ocasións, acender o forno para darlle ferro a este costelar é toda unha delicia.

O que máis nos gusta na casa deste prato, é o tenra que queda a carne, despois dese cociñado lento no forno. Mais, sobre todo, esa explosión de sabores que ten o mollo: dozura, picante, fume… esa mestura que verniza a superficie do costelar que é para derreterse.

Outro dos puntos a favor desta receita, é que non fai falla estar pendente dela. Unha vez no forno, xa vos podedes esquecer durante un par de horas. O forno xa se encarga de facer toda a maxia.

Ingredientes
  • 1 kg de costelar de porco.
  • 50 g. de ketchup.
  • 50 g. de mollo barbacoa.
  • 20 g. de pemento afumado.
  • 20 g. de ourego.
  • 3 dentes de allo esmagados.
  • 50 g. de panela sen refinar.
  • 1 cullerada de sobremesa de sriracha (ou chiles fermentados).
  • Sal.
Pasos a seguir
  • Mesturar nun recipiente: Ketchup, mollo barbacoa, pemento afumado, ourego, allo a sriracha e a panela.
  • Quitar os excesos de graxa do costelar cun coitelo.
  • Fregar toda a superficie da costela con sal e a continuación poñela sobre dúas capas de papel prata.
  • Pintar o costelar polos dous lados co mollo barbacoa e cubrir de novo con dúas capas de papel prata, facendo unha especia de sobre para que non marche a prebe.
  • Enfornar durante 2 horas a 130 graos centígrados.
  • Pasadas as 2 horas, quitar a costela dos paquetes. Neste punto estará tan tenra que se separará do oso con facilidade. Vernizar de novo co mollo restante e enfornar de novo, nunha bandexa, a 200 graos centígrados durante 10 minutos.
  • Deixar repousar uns 5 minutos antes de servir.
NOTAS:
1 – Recomendo forrar a bandexa con papel de prata no segundo enfornado. Aforraredes moito tempo de fregado. Lembrade que o mollo tende a acaramelar!
2- Xeralmente, este prato acompáñase de patacas fritidas e pan de millo, mais eu neste caso acompañeino duns chícharos salteados con manteiga e limón.

Deixar un comentario