Torta cítrica

Os physallis (tamén coñecidos como uchuva) son eses froitos tan fermosos que vemos no supermercado a prezo de ouro mais que se os plantas na casa crecerán como os fungos a case custe cero. A orixe destas boliñas tan saborosas están en América do Sur (sobre todo en países como Perú, Colombia ou Venezuela) e pertencen á familia das solanaceae (sendo así curmás das patacas, os tomates ou mesmo o tabaco).

Este verán fixémonos cun bo feixe deles e claro, houbo que poñerse a maquinar receitas para darlle un pouco de variedade á inxesta. Hoxe tráiovos unha torta cítrica (tipo curd pie) que, alén dos physallis, tamén leva outra froita que descubrín fai unhas semanas: o caviar cítrico (típico da gastronomía australiana). As minúsculas boliñas (de aí o de caviar) deste froito son unha explosión de sabor é frescura. Se non as coñecedes, recoméndovolas.

Déixovos a receita no blog!

Ingredientes
  • 150 g. Physallis.
  • 1 ovo grande.
  • ½ caviar cítrico.
  • Zume de 2 laranxas.
  • 50 g. de panela.
  • 400 g. Ricotta ou queixo crema.
  • 1 saba de masa quebrada.
Pasos a seguir
  • Estirar a saba de masa quebrada nun molde ou bandexa redonda (tipo Pyrex).
  • Pinchar toda a superficie da masa cun garfo para que non inche no forno.
  • Quentar o forno a 180 con calor arriba e abaixo.
  • Enfornar a masa uns 10/15 minutos, até que quede ben dourada.
  • Mentres, nun batedor, mesturar os froitos co ovo e a panela. Unha vez estean ben batidos, incorporar a Ricotta ou queixo crema. Bater durante 2 minutos até que estean todos os ingredientes ben mesturados.
  • Verter o contido sobre a masa quebrada, con coidado de que non desborde, e enfornar a 180 durante 30 minutos.

Deixar un comentario