Tortilla de pataca con chourizo

Hoxe toca receita práctica e rápida: tortilla de pataca con chourizo. Este prato é súper útil para os días nos que non queremos enredar moito na cociña ou para esas ocasións nas que, a última hora, decidimos xantar na praia ou no campo. Xa sexa quente, morna ou fría, a tortilla sempre está boísima!

Alén diso, a tortilla, igual que a pizza, non está exenta de polémica. Hai quen di que sempre debe levar cebola, outros que pataca sola, etc. Eu, persoalmente, engado de todo (menos cebola!): xamón, chourizo, cabaciña, grelos…a tortilla na nosa casa e practicamente un lenzo en branco ao que engadir todo o que se nos ocorra. E na vosa?

Ingredientes:
  • 3 patacas grandes (eu emprego as Red Pontiac).
  • 7 ovos.
  • Sal.
  • Aceite de oliva.
  • ½ chourizo ben picadiño.
Pasos a seguir:
  • Pelar as patacas e cortar en láminas finas.
  • Salpresar ao gusto.
  • Frixir en aceite ben quente durante uns 10 minutos (ou até que as patacas queden ben brandiñas). Cando xa estean case listas, engadir o chourizo.
  • Bater os ovos.
  • Escorrer as patacas do aceite e incorporar ao ovo.
  • Quitar todo o aceite da tixola e volvela poñer a lume medio.
  • Engadir a mestura de pataca e ovo na tixola e deixar facer uns 3 minutos por cada lado. Axudádevos dunha viradeira ou dun prato para darlle a volta unha vez pasados os 3 minutos.
NOTA: As cantidades son sempre aproximadas. Hai que ter en conta o tipo de pataca empregada e como vos gusta a tortilla para axustar a cantidade de ovo e o tempo na tixola.

Deixar un comentario