Broa

A broa é un dos pans con máis arraigamento na tradición culinaria galega. Este bolo de maínzo, inicialmente representaba a base alimentaria das persoas con poucos recursos. Un exemplo literario desta realidade é a do pequeno Balbino, personaxe principal de Memorias dun neno labrego (1961). Neira Vilas debulla nesta narrativa a vida cotiá do rural galego a través dos ollos deste pequeno. Balbino, de familia humilde, vai descubrindo pouco a pouco as inxustizas xeradas polas clases sociais. Mentres el subsistía a base de caldo con broa outros, máis afortunados, comían “pantrigo”, bebían leite con café e non se tiñan que erguer cedo para levar o gando a pacer.

Hoxe día, a broa superou as barreiras sociais, tornando nun elemento chave en todas as mesas galegas, sobre todo en datas especiais como no San Xoán. Nesta noite meiga, Galiza celebra a chegada do solsticio de verán xuntando a súa xente ao redor dunha cacharela. Os refráns, sempre cheos de sabedoría, xa o deixan ben claro: “polo San Xoán a sardiña molla o pan”, e se ese pan é broa, mellor que mellor.

Ingredientes:
  • 500 g. fariña de maínzo.
  • 250 g. fariña de centeo.
  • 125 g. fariña de trigo.
  • 425 g. auga fervendo.
  • 300 g. auga tépeda.
  • 250 g. lévedo natural.
  • 5 g. lévedo fresco.
  • 20 g. sal.
Pasos a seguir:
  • Escaldar o maínzo coa auga fervendo e deixar repousar 1 hora.
  • Despois do primeiro repouso, engadir o resto da auga e mesturar ben co maínzo.
  • Incorporar o resto das fariñas e mexer até obter unha masa homoxénea sen grumos secos.
  • Engadir o lévedo natural e o lévedo fresco na mestura de fariñas.
  • Deixar repousar durante 4 horas para que fermente a masa.
  • Enfariñar a mesa de traballo abundantemente.
  • Botar a masa na mesa de traballo e enfariñar novamente na parte superior.
  • Dar forma ao bolo, con coidado de non romper a masa.
  • Poñer o bolo xa formado nun anaco de papel de forno enfariñado e deixar repousar novamente até que a masa croque.
  • Quentar o forno a 240 graos.
  • Poñer un recipiente con auga na parte de abaixo para xerar vapor.
  • Enfornar o bolo 15 minutos a 240 graos.
  • Pasados os 15 minutos iniciais, retirar o recipiente con auga e baixar a calor a 180 graos.
  • Enfornaremos o bolo durante 1 hora a maiores.
NOTA 1: Outro xeito de formar o bolo sería enfariñar un recipiente redondo, botar a masa e abaneala para ir dándolle forma.  
NOTA 2: Se facedes o bolo nun molde, o tempo de forno incrementará uns 20 minutos aproximadamente. Isto dependerá da potencia do voso forno e a altura do bolo.

Deixar un comentario