Lasaña de vexetais e prebe Cajun

A lasaña é un dos elementos máis típicos da gastronomía italiana. Dentro da súa simplicidade, este prato de pasta pode ser tremendamente versátil, dado que admite case calquera alimento como recheo.

Os primeiros arquivos en que se ten constancia que apareza a lasaña (ou polo menos o prato que orixinaría a lasaña que hoxe coñecemos) datan do século XIV. Unha das diferenzas máis salientábeis coa lasaña contemporánea é que a primixenia non levaba tomate (este froito non chegaría a Europa até que a expedición de Cristobal Colón chegou América un século máis tarde).

Canto ao recheo, como salientaba anteriormente, a lasaña é (como a grande maioría das pastas) moi adaptábel: case calquera combinación de alimentos ten cabida entre as súas láminas. Tradicionalmente, este prato leva capas de carne (carne picada, salchichas…), queixo parmesano ou ricotta, bechamel, ragú e unha cobertura de mozzarella relada. A partir de aí, co paso do tempo, o contido destes rectángulos de pasta foi variando (vexetais, peixes, mariscos…).

No que concirne á forma, a lasaña mantivo sempre a súa figura rectangular, agás no caso das lasañas norteamericanas. Se pensades, por exemplo, nas lasañas televisivas estadounidenses como as de Carmela nos Soprano, malia seren rectangulares, manteñen unhas ondas nos extremos que na lasaña orixinal italiana non aparecen. Este tipo de lasaña ondulada emprégase case exclusivamente en Estados Unidos.

Neste caso, imos fuxir novamente da tradición e preparar unha receita de aproveitamento baseada principalmente nos vexetais. Empregaremos berenxenas, cabaciñas, anaquiños de touciño afumado e, para enxalzar o sabor das verduriñas, o mollo sobrante dun polo Cajun que enfornei vai uns días.

NOTA: Se pola contra queredes manter o prato completamente vexetariano, podedes cambiar o mollo de polo por caldo de verduras e eliminar o touciño afumado sen problema.
Ingredientes:
  • 500 ml. de bechamel (tedes a receita na sección de “mollos”).
  • 6 láminas de lasaña fresca.
  • 150 g. de touciño afumado.
  • 1 berenxena en dadiños.
  • 1 cabaciña en dadiños.
  • 25 ml. de tomate triturado.
  • 40 ml. de mollo de polo Cajun (ou caldo de verduras)
  • 200 g. de queixo Emental relado.
Pasos a seguir para facer o recheo:
  • Facer a bechamel seguindo os pasos da receita que tedes na sección de “mollos”.
  • Cortar a cabaciña e a berenxena en brunoise (dados pequeniños).
  • Saltear os anaquiños de touciño afumado (sen aceite na tixola).
  • Saltear as verduriñas aproveitando a graxa do touciño (5’).
  • Engadir 20 ml. de tomate triturado e deixar a lume baixo (5’).
  • Agregar o mollo de polo Cajun (ou o caldo de verduras) sobre as verduriñas e deixar reducir uns 5’.
Montaxe da lasaña:
  • Quentar o forno a 220 graos centígrados (calor arriba e abaixo).
  • Nunha bandexa de forno, botar unha capa fina de bechamel para suxeitar a primeira lámina de lasaña.
  • Poñer una capa de verduras e bechamel entre cada lámina de lasaña.
  • Como cobertura da última lámina empregaremos as últimas culleradas de bechamel mesturadas con 5 ml. de tomate triturado e unha capa de queixo Emental relado.
  • Enfornar uns 15 minutos ou até que vexamos que o queixo está completamente gratinado.

Deixar un comentario